1/10/08

XESÚS R. JARES, IN MEMORIAM

XESUS RODRÍGUEZ JARES

O Instituto Carlos Casares quere compartir coa nosa comunidade educativa irmá de Bolivia unha perda moi importante para nós. Xesús R. Jares, Catedrático na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de A Coruña faleceu a pasada fin de semana.
Para nós Jares foi e é un referente. Nacido en Viana do Bolo, este veciño e compañeiro é un pioneiro en Galicia da educación para a paz e a convivencia e no uso da mediación escolar como forma de resolución pacífica dos problemas que poden aparecer na nosa vida. Sabedes que en tal tema andamos e cáusanos unha profunda ledicia, como él mesmo dixo hai uns meses en Madrid nun curso do Ministerio de Educación, que co seu maxisterio si teña sido profeta na súa Terra.
Jares, mestre de primaria, director e catedrático de universidade sempre tivo a educación en valores das novas xeracións como guía da súa acción educativa. Convivencia, Paz, Cooperación Internacional, Solidariedade e Xustiza foron o seu temario de profesor.
Querido Xesús, non che enviamos flores. Fai teu para sempre o noso proxecto de Cooperación e de Xustiza con Bolivia.
Moitas grazas polo teu ensino, mestre.


(publicado en http://proyectobermejoviana.spaces.live.com/)
EQUIPO DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA
IES CARLOS CASARES - VIANA DO BOLO (OURENSE)